O Foro Galego de Inmigración rexeita a reforma das pensións e súmase á folga xeral do 27X

COMUNICADO   DE PRENSA  

O Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas ao final (máis de 80 asociacións e entidades de toda GaliciaREXEITA A REFORMA DAS PENSIÓNS E SÚMASE Á FOLGA XERAL DO 27 DE XANEIRO DE 2011.

O Foro Galego de Inmigración amosa o seu rexeitamento á reforma do sistema de pensións e chama a participar na folga xeral convocada en Galicia para o vindeiro 27 de Xaneiro.  Esta plataforma, na que converxen persoas e colectivos comprometidos na defensa dos dereitos dos inmigrantes, expresa a súa oposición a unha diminución da cobertura do sistema público de pensións, así como ao aumento da idade de xubilación. Considera que o debate sobre unha hipotética inviabilidade do sistema, agocha as necesidades da grande banca na mudanza cara un modelo de pensións por capitalización individual, cunha asistencia pública mínima.

O Foro Galego de Inmigración advirte, ademais, que estas medidas nunha poboación como a galega, con salarios e pensións dos máis baixos do Estado, terán unha especial incidencia sobre as clases máis vulnerables entre as cales se sitúa o propio colectivo migrante. Respecto a este, o Foro subliña a contradición que emerxe nun estado que precisa máis cotizacións á Seguridade Social en tanto establece réximes especiais para as empregadas do fogar e mantén máis do 20% do seu PIB na economía somerxida.

O Foro entende que a reforma das pensións é un chanzo máis dentro dos planos de axuste neoliberais e asume como unha prioridade, ante este contexto, a suma de forzas e a xeración de dinámicas de mobilización na sociedade. Por iso, sumarase activamente á folga xeral do 27 de Xaneiro e comprometerase a dar continuidade ao traballo de implicación do colectivo inmigrante na crítica do presente socio-económico.

Para máis información:   Miguel Fernández ou Rocio Rodríguez 981-580506-600-876480) Email:foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Deja un comentario