O Foro Galego de Inmigración formado polas asociacións e entidades recollidas ao final (máis de 80 asociacións e entidades de toda Galicia) apoia o seguinte comunicado emitido por Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública denunciamos que a Xunta de Galicia rompe os principio de Universalidade e Equidade da Sanidade Pública, deixando ás persoas con menos recursos sen dereito á asistencia sanitaria.
A Orde de 5 de setembro de 2011, actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes (PSR), das persoas que se atopan en situación de desemprego (Código 29), e das persoas estranxeiras.
No protocolo de aplicación da orde se deixa as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta sanitaria sen dereito a ter médico asignado, a poder ser citados e a ter prestación farmacéutica. Só se lles recoñece dereito á asistencia de urxencia e emerxencia (agás no caso dos menores e das mulleres embarazadas, que manteñen estes dereitos). Ademais disto, no protocolo se indica que as persoas sen recursos que solicitan a tarxeta sanitaria serán clasificados como PRIVADOS e se lle fará asinar un compromiso de pago da asistencia realizada.
O mesmo protocolo establece trabas no acceso á tarxeta Sanitaria para os estranxeiros. A partir do próximo 1 de xaneiro, o Sergas esixirá unha antigüidade mínima no padrón de 183 días para poder solicitar a Tarxeta Sanitaria, indispensable para garantir a Asistencia Sanitaria. Esta condición previa para acceder á Tarxeta Sanitaria vai limitar o seu acceso á atención primaria nos centros de saúde. A Lei Orgánica sobre Dereitos e Liberdades dos Estranxeiros en España e a súa Integración Social (decembro 2009) establece no seu artigo 12:
«Os estranxeiros que se atopen en España, inscritos no padrón do municipio no que teñan o seu domicilio habitual, teñen dereito á asistencia sanitaria nas mesmas condiciones que os españois»
sen incluír período mínimo de empadroamento como agora fai o Servizo Galego de Saúde.
A Xunta de Galicia vulnera o principio de UNIVERSALIDADE recoñecido na Lei 8/2008 de Saúde de Galiza:
Artigo 4º.-Titulares do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria.
1. O dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma.
E tamén o da EQUIDADE en saúde, definida pola OMS, que implica a igualdade de oportunidades e a diminución de diferenzas en saúde ao nivel máis baixo posible, mediante a igualdade de acceso, a igualdade de utilización por un mesmo problema e a igualdade na calidade da atención.
Médicos do Mundo e SOS Sanidade Pública consideran que estas medidas son un paso máis no desmantelamento da Sanidade Pública, o que nos obriga a facer un novo chamamento ao conxunto da cidadanía, que antes ou despois se verá afectada, a que tome tódalas medidas necesarias para defendela. So se a maioría social se mobiliza e mostra o seu rexeitamento a estas políticas poderemos paralas e así defender á Sanidade Pública.
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142