COMUNICADO DE PRENSA

COMUNICADO DE PRENSA
Contra a reforma sanitaria que pode custar vidas
Amnistía Internacional, Médicos do Mundo e Rede Acolle entregan máis de 59.000 sinaturas ás Presidencias das Comunidades Autónomas pedíndolles que non adopten medidas regresivas no acceso ao dereito á saúde
Santiago de Compostela, 17 de xullo.- A non renovación de tarxetas sanitarias a inmigrantes en situación administrativa irregular a partir do 1 de setembro podería afectar á vida e á saúde de miles de persoas. Así o denunciaron Amnistía Internacional, Médicos do Mundo e Rede Acolle, xunto con Foro de Inmigración e SOS Sanidade Pública en Galicia, que hoxe entregaron de forma simultánea ás Presidencias das Comunidades Autónomas as máis de 59.146 sinaturas recollidas e que lles solicitan que garantan o acceso e goce do dereito á saúde de todas as persoas, en cumprimento das súas obrigacións internacionais, sen regresividade nin discriminación e manteñan a asistencia sanitaria para todas as persoas.
As organizacións consideran que a reforma sanitaria introducida polo Real Decreto Lei 16/2012,  pode custar vidas. Os recortes implican que as persoas migrantes maiores de idade en situación irregular só serán atendidas en urxencias e nos supostos de embarazo, parto e posparto. Implican tamén que persoas españolas -como as maiores de 26 anos que non cotizasen-  verán dificultado o seu acceso ao dereito á saúde, o que para estas organizacións son medidas regresivas e discriminatorias.
As ONGs alertan que o Real Decreto Lei 16/2012 vai deixar a miles de persoas sen acceso aos sistemas de saúde. A reforma vai supor a interrupción de tratamentos e seguimentos e vai significar a imposibilidade de acceder ao medicamento preventivo e a diagnóstico médicos para miles de persoas en situación administrativa irregular que residen no noso país.
As consecuencias están a ser xa palpables. Como as que podería sufrir Aisha, unha muller marroquí que perdeu o seu traballo coa chegada da crise económica e con iso, o permiso de residencia. Detectáronlle un cancro de peito hai dous anos, cando estaba embarazada. Sufriu unha mastectomía e aplicáronlle quimioterapia. Agora acode a revisións cada dous meses, pero sen tarxeta de residencia non poderá continuar o seu tratamento. Ou Carmen, chilena en situación administrativa irregular, cuxos riles só funcionan ao 22 por cento. Se perde o acceso ao sistema público de saúde non poderá asumir o custo da máquina de diálese da que depende o seu tratamento.
Amnistía Internacional, Médicos do Mundo e Rede Acolle, xunto con Foro de Inmigración e SOS Sanidade Pública en Galicia, denuncian, ademais, que a reforma sanitaria vulnera obrigacións internacionais contraídas por España, como o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, que obriga aos Estados parte a respectar, protexer e cumprir o dereito á saúde sen regresividade e sen discriminación.
Advertencias internacionais
Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas xa mostrou en maio a súa preocupación polo Real Decreto lei 16/2012, e recomendou a España que a reforma sanitaria adoptada non limite o acceso das persoas que residen no Estado aos servizos de saúde, calquera que sexa a súa situación legal. O Comité tamén recomenda revisar as reformas adoptadas para garantir que as medidas de austeridade non diminúan o nivel de protección dos dereitos alcanzados e sexan en todos casos temporais e proporcionais.
Outros organismos da ONU como o Comité para a Eliminación da Discriminación Racial ou o Relator Especial sobre os dereitos humanos dos migrantes lembraron que os Estados teñen obrigación de garantir o dereito á saúde para todas as persoas, independentemente da súa condición xurídica e da documentación que posúan.
Efectos sobre as persoas máis vulnerables
As organizacións promotoras desta acción advirten das graves consecuencias que as restricións no acceso á atención sanitaria poden supor para quen sufran enfermidades crónicas, endémicas, brotes epidemiolóxicos ou enfermidades mentais e lembran que os estados teñen a obrigación de protexer aos membros vulnerables da sociedade, mesmo en épocas de limitacións graves de recursos, que é cando deben redobrar devanditos esforzos.
A Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea ha subliñado que «excluír ás persoas migrantes en situación irregular da atención sanitaria pon en perigo a súa vida e o seu benestar, incrementa o custo dun futuro tratamento de urxencia e tamén pode supor un potencial risco de saúde para a comunidade».
No caso das mulleres vítimas de violencia de xénero en situación de irregularidade, dáse a circunstancia de que o seu centro de saúde, onde adoitan acudir tras recibir as agresións, convértese en punto esencial para a detección temperá e a identificación das vítimas, como ocorre tamén coasvítimas de trata. Especialmente grave pode ser a situación das persoas enfermas de tuberculoses ou de VIH/SIDA, enfermidade crónica que se non é tratada adecuadamente produce a morte.
Así mesmo, as organizacións alertan de que estas medidas de recortes de dereitos, acompañadas de discursos utilizados por membros do Goberno e do Partido Popular que acusan as persoas inmigrantes dunha utilización indebida dos servizos de saúde, poden contribuír a construír prexuízos sobre este colectivo, estigmatizan ao mesmo e poden alimentar comportamentos discriminatorios e xenófobos.
A universalidade no acceso ao dereito á saúde
As organizacións promotoras tamén mostraron a súa preocupación polo retroceso na universalidade do acceso ao dereito ao acceso á saúde para as persoas españolas residentes, garantido pola Lei Xeral de Saúde Pública 33/2011. A reforma sanitaria, sen realizar mención algunha a esta lei, limita o acceso á saúde ás persoas con consideración de “aseguradas e beneficiarias”.
As organizacións lembran que o principio de universalidade na atención sanitaria está contido tamén en varios Estatutos de Autonomía (Andalucía, Aragón, Illes Balears, Castilla y León, Catalunya e Euskadi).
Aínda que o Goberno declarou a súa intención de revisar a lexislación, coa actual normativa en vigor uno dos colectivos que podería verse gravemente afectado por esta limitación da universalidade son as persoas que non cotizaron nunca á Seguridade Social. Especialmente preocupante é a situación dos maiores de 26 anos, que dada a altísima taxa de paro coa que conta a poboación nova, poderían non contar con asistencia sanitaria se dispoñen dun mínimo de recursos económicos. Límite económico que o Real Decreto Lei 16/2012 non especifica.
Preocupa tamén ás organizacións que o copago farmacéutico provoque que pensionistas con rendas baixas non poidan afrontar con garantías e na súa totalidade os seus tratamentos e decidan por tanto suspendelos. Por outra banda, as entidades consideran que sería preferible que o goberno promovese un debate informado e unha maior participación social nesta reforma legal, posto que é unha reforma lexislativa que afecta os dereitos humanos, entre eles, a saúde e a vida.
As Comunidades Autónomas poden e deben garantir o acceso e goce do dereito á saúde de todas as persoas, e dar cumprimento así ás súas obrigacións internacionais, sen regresividade nin discriminación. E deben facelo, segundo Amnistía Internacional, Médicos do Mundo, Rede Acolle, Foro de Inmigración e SOS Sanidade Pública, sen necesidade de crear un sistema sanitario paralelo en colaboración coas organizacións sociais que non garanta o mesmo nivel de calidade e de prestacións.
 
Máis información sobre a acción de recollida de sinaturas en:http://www.es.amnesty.org/actua/acciones/espana-reforma-sanitaria/
FIN//
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142

CIBERACCIÓN – DEREITO A SAUDE

COMPAÑEIRAS E COMPAÑEIROS DO FORO:

Tal como acordouse onte na xuntanza do Foro de  Inmigración (Santiago) enviamos o enlace para a ciberacciónhttp://www.medicosdelmundo.org/ciberacciones/sanidaduniversal, solicitando as Presidencias das Comunidades Autónomas que cumpran coas suas obrigas do dereito a saúde

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142

http://www.forogi.wordpress.com