COMUNICADO DE PRENSA

O Foro Galego de Inmigración (máis de 80 asociacións e entidades de toda Galicia)  quere facer público o seguinte Comunicado en relación coa aprobación prevista polo Pleno do Congreso dos Deputados para  o xoves día 26 de Novembro da nova Lei de Estranxeiría, o que supón a súa aprobación definitiva:

1.- Lamentar que de novo as aportacións introducidas no tramite parlamentario tanto  no Congreso como no  Senado son claramente insuficientes. Aínda que se amplían as medidas cautelares alternativas ao internamento e establécese a vixiancia xudicial concreta sobre os centros de internamento, mantense a intolerable ampliación do tempo de estancia neses centros de 40 a 60 días. Noutros aspectos tampouco houbo melloras substanciais: non se garanten os dereitos das mulleres inmigrantes en situación de irregularidade administrativa que sufren situacións de violencia de xenero, por exemplo.

2.- O Foro Galego de Inmigración secunda unha campaña urxente a nivel estatal promovidapor diferentes plataformas , que pretende “bombardear” os correos eléctronicos dos e das deputad@s, como se fixo a semana pasada cos senadores (No Senado o Goberno gañou a votación pola mínima: 126 a favor e 125 en contra), para que alomenos se introduza unha enmenda que respalda mesmo o Partido Popular para establecer un modelo de 40+20. É dicir manter como prazo xeral os 40 días, coa posibilidade se o considera oportuno o xuíz instructor do expedente de ampliar a mesma aos 60 días.

3.- Recordar que a reforma da Lei que aproba definitivamente este xoves día 26 de Novembro o Congreso dos Deputados, insiste en criminalizar ás persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa e mesmo as persoas e entidades que lles axudan de forma solidaria, facilitando polo tanto que caían en mans de redes de explotación laboral ou de prostitución.

4.- Por último o Foro Galego de Inmigración promoverá actos e actividades en diferentes lugares de Galicia entorno ao día 18 de Decembro, Día Mundial das Migracións, para reafirmar á nosa oposición a este lamentable cambio lexislativo, e continuar a sensibilización e concienciación social para promover unha nova sociedade intercultural con dereitos iguais para todos e todas.

Para máis información:  Miguel Fernández (981-580506-662307019) ou Rocio Rodríguez 981-580506-600-876480) Email:foroinmigracionsantiago@yahoo.es

Deja un comentario